Coa organización e unidade, a clase obreira só pode vencer

Imprimir
PDF

Neste primeiro de maio, xeira histórica da clase obreira, os mozos e mozas atopámonos perante o panorama dun capitalismo cada vez máis voraz, onde se nos forza a elixir entre desemprego, precariedade e emigración e onde o goberno da troica impón uns recortes que pretenden rematar con décadas de dereitos conquistados. Mais tamén estamos perante un momento de recomezo das loitas e coa perspectiva de dar pasos cara a unhas posicións que primeiro poñan freo a estas políticas e que despois permitan avanzar, non só recuperando dereitos, senón conquistando novos.

Un dos principais problemas da mocidade neste 1º de maio, volve ser un desemprego masivo que afecta a máis da metade dos mozos e mozas e que nos está a forzar cada día máis a fuxir do noso país, a abandonar a nosa terra para achar un traballo a maior parte das veces mal remunerado non acorde coa nosa formación e sen perspectivas de regreso ó noso fogar.

Por outra banda, os/as que conseguen atopar emprego no noso país, vense afectados/as cada vez máis por unha precariedade endémica produto do propio modelo produtivo do Estado, e que varias reformas laborais implantadas polo PP e o PSOE teñen afondado aínda máis.

A posta en marcha da garantía xuvenil volve a afondar na premisa – demostrada falsa cando entra en contacto coa realidade -  de que abaratando o custo da forza de traballo créase emprego, mediante o fomento de “contratos de formación”, aumentando a presenza das Empresas de Traballo Temporal e reducindo as cotizacións dos empresarios. Este grupo de medidas impulsado pola UE e desenvolto aquí polo goberno do PP, é un novo transvasamento de soldos cara ós petos das empresas, último obxectivo de tódalas medidas impostas polos gobernos da troica no Estado.

A isto hai que engadir a destrución continuada dos servizos públicos, que prexudica especialmente ós mozos e ás mozas e que empurra cada vez a máis familias cara a pobreza. En particular: a elitización do ensino e o cada vez máis difícil acceso ós estudos para a mocidade da clase traballadora, son os principais ataques dun réxime capitalista á ofensiva.

Sen embargo, a todo isto ha que contrapor unha clase obreira cada vez máis organizada e cunha contundencia cada vez maior nas súas accións, aínda que aínda falta moito por facer. Por iso dende a Xuventude Comunista facemos un chamamento a toda a mocidade para que se organice nas empresas, nos centros de estudo e nos seus lugares de residencia e para que saia á rúa nas importantes mobilizacións convocadas para esta xeira. Só a través da loita e da unidade poderemos facer que este primeiro de maio sexa o derradeiro de recortes e ataques. Debemos dar un paso adiante, xa que é hora de comezar a vencer.