Érguete, Xeración Xabarín!

Imprimir

Este ano é outro ano máis no que a festa das letras da lingua do pobo galego debe tinxirse de loita, a loita por rachar coas inxustizas e vexacións que acompañan a nosa lingua, o galego. Moitas de nós aínda levamos enriba os estigmas de sermos criadas na lingua do pobo, na lingua humilde das nosas nais e pais, nunha lingua coa que pronto aprendemos que non iríamos a ningunha parte, nunha lingua que aínda que falada pola maioría, moi poucas se atrevían a reivindicar como a digna lingua dun pobo digno. Unha lingua que aínda hoxe non deixa de ceder terreo ante o idioma das clases poderosas, da alta sociedade urbanita que sinalan para o galego como un vestixio dun pasado atrasado, ignorante e escuro.

Pero equivócanse ao crer que poden recluír o galego nun panteón ou nun museo, porque a lingua galega segue viva e na boca da mocidade. Reclamámonos dignas integrantes da Xeración Xabarín, acérrimas defensoras dunha cultura para o pobo que fale na lingua do pobo e da súa xuventude. Somos a Xeración Xabarín porque cremos no poder da mocidade para cambiar a situación actual en todos os sentidos, porque cremos nunha cultura galega que atenda e exprese a vontade e o sentimento do seu pobo, porque cremos que a xuventude defenderá os seus dereitos lingüísticos, culturais e sociais coa ferocidade dun porco bravo.

É por iso que a Xuventude Comunista non vai deixar de loitar por unha cultural popular, galega e para a xuventude, como un dos pasos a dar para devolver o galego ao sitio que lle corresponde como lingua propia do pobo, no ensino, na administración, na cultura e na sociedade.

Defender a lingua é
defender a cultura é
defender ao pobo!