A loita de clases na situación galega actual

Imprimir

Estas últimas semanas coñecíamos a nova de que en Galiza, o número de traballadores cun salario inferior ao SMI (fixado este ano na misérica cifra de 645,30 €) subía en 2012 até chegar case ao 30% do total. Se esta situación xa é preocupante, máis o é constatar que máis da metade destes non chegan nin á metade do mesmo.

A chegada da crise provocou un descenso dos salarios percibidos polos traballadores. Xa antes da crise, por motivos históricos e económicos, a clase obreira galega se atopaba nunha situación de precariedade máxima, cunha participación no valor producido moi baixa. Esta foi afundíndose no período de crise. A día de hoxe tan só o 42,7% do PIB pertence a ingresos salariais, mentres que a meirande parte do mesmo chega a través das rendas do capital. Nunha década a participación salariar no PIB de Galiza ten baixado un 4%.

Se temos en conta que xa en 2011 o salario medio anual de mozos e mozas menores de 25 anos se aproximaba á metade do dos traballadores comprendidos entre os 35 e 44 anos, podemos comprobar como afecta a redución salarial á man de obra nova.

O sindicato UGT ven de afirmar que “sería razoable que a crise reduxese os salarios e os beneficios paralelamente”. Unha análise desta altura pon ás claras a posición que ocupan os sindicatos actualmente na loita de clases.

Nunha economía capitalista, o control da masa salarial atópase en mans do capital privado, cuxo único obxectivo é o aumento da taxa de ganancia. A competencia e a necesidade de innovación no capital constante (maquinaria), sumado á posición monopolística de determinadas empresas (con capacidade para influír unilateralmente nas variables económicas) só deixa unha vía para o aumento desa taxa: a devaluación salarial.

Esta situación explica a baixada constante dos salarios da clase obreira. Para poñer freo á mesma, e recuperar un salario digno para a xuventude traballadora, non hai outro camiño que o sindicalismo combativo e a loita por extraer o maior salario posible a costa dos beneficios capitalistas. O rearme da ferramenta sindical, a organización dos e das obreiras nos centros de traballo e a perda do medo a confrontar co patrón, parapetados na solidariedade obreira, son as únias vías de escape a esta caída en picado. Mentres os sindicatos manteñan unha liña de pacto social, a clase obreira está en mans da burguesía.

Porén, a clase obreira non pode limitarse a isto. Coas actuales relacións de produción, calquera mordisco á ganancia empresarial na vía salarial pode ser recuperado pola burguesía na esfera do consumo. O obxectivo final non pode ser outro que o control obreiro da produción e a expropiación dos medios de produción.

Mentres os e as obreiras non loiten por un salario digno, as empresas farán oídos xordos, e non haberá máis futuro que a precariedade e 

a pobreza.

A Xuventude Comunista traslada á mocidade obreira a necesidade de asegurar un futuro digno a través da organización e a loita. Os dereitos non se mendigan, conquístanse!