Consulta si ou si! Construímos poder popular!

Imprimir
PDF

Resolución da Joventut Comunista de Catalunya perante ó actual contexto político de Catalunya e a celebración da consulta do 9 de novembro.

Os e as comunistas de Catalunya defendémo-lo dereito de autodeterminación do pobo catalán e do resto dos pobos do Estado e do mundo. Considerámo-lo exercicio deste dereito coma un paso máis na emancipación da nosa clase e na construción do país que queremos.

No actual contexto de importantes e amplas mobilizacións do pobo de Catalunya, vemos como a dereita nacionalista, CIU, asemade que organizacións civís e medios de comunicación afíns, e opcións independentistas moderadas coma ERC, tentan capitaliza-las aspiracións dunha importante parte da sociedade catalá. As mobilizacións dos últimos anos- e a última festa nacional (Diada) foi mostra tamén diso- amosaron as bases populares e amplamente democráticas das reivindicacións dunha ampla maioría da poboación favorábel do dereito de autodeterminación e a ser protagonistas no futuro de Catalunya. 

Amais, estas mesmas mobilizacións e reivindicacións implican unha ruptura co réxime de 1978 e cuestionan a hexemonía das elites e clases dominantes -tanto catalás como españolas- da segunda restauración borbónica. Un réxime do 1978 abertamente en crise e abocado a ser superado por parte dos movementos populares así como polas forzas políticas e sociais na construción dunha nova lexitimidade republicana.

Neste senso, a defensa por parte da Joventut Comunista de Catalunya do dereito de autodeterminación é inequívoca. Asemade consideramos que o exercicio deste dereito non é un fin en si mesmo, senón que se enmarca nun proceso máis amplo que ten por obxectivo a superación da actual orde constitucional e a consecución da república catalá democrática e social, libremente federada coa república española que queremos construír. Así, temos como obxectivo un país onde os intereses da clase traballadora e os sectores populares convértanse no eixo central da vida política, social e económica da nosa sociedade xunto co respecto ós dereitos humanos, a xustiza social, a paz e a solidariedade entre tódolos pobos do mundo.

É neste contexto político de ruptura democrática e acumulación de forzas da clase traballadora no que a Joventut Comunista de Catalunya situámo-la consulta do 9 de novembro.

Un proceso de longo percorrido e arraigado á mobilización e ó empoderamento popular que, amais, ten outro gran fito neste curso político coas eleccións municipais o vindeiro maio como consecuencia desta acumulación de unidade e poder popular e construción de alternativa republicana.

 

É neste contexto político no que a Joventut Comunista de Catalunya situámo-la consulta do 9 de novembro e facemos público e posicionamento ó respecto:

1. Apostamos e apoiamos para que a consulta se celebre si ou si nun marco de amplas garantías democráticas e respectando e garantindo a efectiva transparencia e participación política do pobo de Catalunya.

2. Perante o posíbel recurso do goberno central e a conseguinte anulación da Lei de Consultas e da convocatoria da consulta por parte do Tribunal Constitucional instamos ó goberno da Generalitat e a tódalas institucións públicas a desobedecer e garanti-la celebración e a votación da consulta.

3. Neste mesmo senso, rexeitamos unha posíbel celebración de eleccións anticipadas con carácter plebiscitario, ou a declaración unilateral de independencia por parte do Parlamento de Catalunya así como calquera outra forma que limite a democracia e debate público. O futuro de Catalunya teno que decidi-lo conxunto do pobo catalán, nun marco de empoderamento de toda a poboación e de ampliación dos marcos de democracia e participación política.

4. Participaremos e organizaremos co resto de forzas políticas, sociais e organizacións da sociedade civil a resposta e a mobilización cidadá fronte a posíbel anulación da consulta por parte do Tribunal Constitucional ou do goberno da Generalitat.

5. Facemos un chamamento ó conxunto do pobo catalán e, moi especialmente á mocidade traballadora e estudantil, para organizar e sumarse ás mobilizacións na defensa da consulta e do dereito de autodeterminación do pobo de Catalunya.

 

Viva a República catalá social e democrática!

Viva a loita da clase traballadora!

Viva a loita da mocidade traballadora e estudantil!

Comité central Joventut Comunista de Catalunya.

28 de setembro do 2014