Crecemos, traballamos e loitamos na nosa lingua!

Imprimir
PDF

As avoas do século XX, as fillas do traballo duro, na casa, na cidade, no campo e no mar acostumaban a criar aos seus fillos e fillas na lingua na que elas mesmas foran criadas: o galego. Esa foi a lingua coa que durante tantas xeracións desenvolvimos perfectamente toda a nosa vida.

A lingua vehicular dos e das galegas traballadoras estivo sempre ligada á nosa clase. Pois non era a burguesía galega, os ricos, quen habitaba pazos e mosteiros -mentres vivían do esforzo dos demais- quen falaban galego. Eles falaban o castelán para separarse de aqueles aos que explotaban, obrigándonos a ter que abandonar o galego para dirixirnos ao poder político e económico.

Fixeron así que unha boa parte de nós, e sobre todo, de nosos pais e nais, pensasemos que a nosa lingua non era útil, e que era mellor apañar a lingua que usaban os poderosos en Galiza para semellarnos a eles, para ter un futuro mellor nunha terra rica na que o poder nos ofrecía miseria.

A burguesía fixo desaparecer o galego dos espazos públicos, culturais, educativos... e fomentou a diglosia que fixo que a mocidade abandonase progresivamente o galego.

Pero non podemos continuar. O galego debe ser a ferramenta coa que nós, os condenados á emigración, á precariedade e ao paro dicimos que non queremos imposicións de ningún tipo. Opoñéndonos á desaparición da nosa lingua opoñémonos a que nos digan como e onde temos que vivir. Opoñémenos a salarios baixos e traballar en Londres porque na nosa terra sobramos, segundo o seu modelo produtivo.

Dende a Xuventude Comunista animámosvos a que o 17 de maio asistades ás manifestación en defensa da lingua que terá lugar o domingo ás 12 nas vosas cidades (abaixo máis info).

Pero sobre todo, a que a empreguedes; a que lle deades uso en todos os ámbitos da vosa vida sacándolle todo o potencial que o galego ten. E porque para vivir na nosa terra, non hai mellor lingua que a nosa propia.

 

Mobilizacións do 17 de maio:
Vigo: Cruce da Vía Norte con Urzaiz.
Santiago de Compostela: Praza das Pratarías.
Ferrol: Praza do Cruceiro (Canido)
A Coruña: Diante do Teatro Rosalía (Rego da Auga)
Pontevedra: Praza da Peregrina
Lugo:11.30 Praza Anxo Fernández (tras o concello)
Ribadeo: Catro Rúas
Ourense: Praza da Imprenta