Accesos para cadeiras de rodas en Riazor

Imprimir
PDF

O Real Club Deportivo da Coruña volveu deixar de lado o aspecto social, esta vez as afectadas son as persoas que se desprazan en cadeira de rodas. O clube cambiou a zona habilitada para este colectivo sen consultar as afectadas, isto non o criticaríamos se a nova localización fose mellor ca anterior, pero en varios aspectos non é así.

Os accesos á nova localización incumpren totalmente o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, cunha rampla que supera con creces a inclinación permitida, e nesta zona tampouco teñen acceso a un baño adaptado, algo necesario para a comodidade e necesidades destas persoas.

Dende a Xuventude Comunista, non queremos que se volva á anterior localización, senón que o colectivo que se despraza en cadeira de rodas teña a liberdade de elixir a zona á que quere asistir. Tamén que na nova localización se reformen os accesos para cumprir a legalidade, e a instalación dun baño adaptado, para que as persoas de mobilidade reducida poidan acceder.

Defendemos un deporte para todas as persoas, que fomente a participación social e a decisión colectiva na xestión dos nosos recursos. E isto choca frontalemente con decisións unilaterais dunha directiva que non conta cós socios e socias á hora de dirixir o clube de todos e todas nós, mirando únicamente cara o beneficio económico e o aforro dos custos.