COMUNICADO EN APOIO AO SECTOR LÁCTEO

Imprimir
PDF

Con motivo das xornadas de loita que as gandeiras galegas están a levar a cabo para esixir un prezo digno para o leite, o PCG e a XC queren mostrar o seu apoio ao sector e ás súas reivindicacións.
Tralas fracasadas negociacións coas institucións galega, estatal e europea, as gandeiras visibilizan agora a súa precariedade nas rúas, na industria e nos centros de distribución. Cuns prezos que chegan a ser mesmo a metade dos custos de produción e unha industria que, incumprindo os contratos, se nega a recoller o leite, este sector produtivo corre o risco de ser desmantelado, feito que sería desastroso para a economía do noso rural e do país. O neoliberalismo segue na tendencia de concentrar todos os medios produtivos nas mans dunha oligarquía alimentaria que impida á clase traballadora acadar a soberanía alimentaria.
Cómpre, para avanzar na loita contra o capitalismo, que as obreiras sexamos quen de controlar os medios de produción e as canles de distribución, facendo primar as necesidades do pobo e non os beneficios das grandes empresas á hora de artellar o seu traballo. Por iso é tamén necesario que as traballadoras do rural asuman esta tarefa imprescindible.
A súa loita é a da clase traballadora, os seus intereses son tamén os dun pobo ao que os empresarios impoñen unhas condicións laborais e de vida insoportables. Hoxe máis ca nunca debemos mostrar a solidariedade da nosa clase co medio rural!
Dende o PCG e a XC entendemos que é fundamental que se estableza un prezo por riba dos custes de produción e que a industria recolla o leite de todas as explotacións gandeiras de maneira inmediata.
Durante as últimas semanas, as gandeiras están a denunciar no rural e nas cidades que, namentres os corruptos gobernan en alianza cos empresarios, elas son arruinadas para manter a marxe de beneficios dos poderosos. A UE e o goberno pretenden que acepten un paquete de subvencións que, lonxe de asegurar o mantemento do sector lácteo, só é un parche temporal que favorece aos grandes propietarios. E isto é así porque a PAC e as políticas impostas pola UE no eido agrario destinan as axudas en función do número de vacas por propietario, do mesmo xeito que se reparten dependendo do número de hectáreas de terra que se teñan en propiedade. Por esta razón, podemos asegurar que a UE e o goberno están a propoñer coas subvencións, en realidade, un engano para deslexitimar a continuidade das mobilizacións das gandeiras.