A Xuventude Comunista ante a conformación da candidatura “En Marea”

Imprimir
PDF

Polo avance na consolidación da unidade do pobo na loita polos dereitos e a democracia

Nas pasadas semanas coñeciamos a conformación dunha candidatura unitaria galega que, baixo a marca “En Marea” agrupa a diferentes axentes progresistas do noso país destacando entre os mesmos a Esquerda Unida e Anova (AGE), e as principais plataformas municipalistas. Pese aos importantes erros que observamos na conformación da candidatura, as mozas e mozos da Xuventude Comunista, ombreiro con ombreiro co Partido Comunista e as nosas apostas políticas, decidimos prestar o noso apoio a esta candidatura de unidade.

Todo o que precede á conformación desta candidatura unitaria non nos satisfai como militantes dunha das organizacións integrantes e consideramos fundamental recoñecer as limitacións coas que se parte na integración da militancia de base e simpatizantes no proceso. A unidade popular constrúese dende abaixo e con poder popular. Con participación e democracia, non con pactos e acordos entre unha ínfima parte da forza real que pode ter esta candidatura. A unidade popular non se regatea, constrúese colectivamente. O que non se constrúe colectivamente, é un simple acordo electoral entre forzas. Neste sentido, cremos que unha parte dos obxectivos non se alcanzaron.

Con todo, é indubidable a importancia que o proceso electoral do 20 de decembro ten para o futuro da clase traballadora e o devir das mozas e mozos de Galiza e de todo o Estado. A estas alturas, semella evidente que o proceso das Eleccións Xerais constituirá un dos maiores intentos da oligarquía para pechar o ciclo de inestabilidade institucional aberto co gallo da crise. Tratarase dunha oportunidade de ouro para nos impoñer un novo consenso que substitúa ós caducos acordos de 1978. A Xuventude Comunista cremos preciso sinalar a importancia que ten que esta candidatura represente unha alternativa e unha esperanza para as aspiracións do pobo  e nomeadamente a clase traballadora e a xuventude.

Cremos que as e os representantes galegos deben necesariamente combater, xunto co resto de representantes da esquerda do Estado, a sinatura dun novo pacto de refundación do Réxime que lexitime a continuidade da explotación, a precariedade laboral e a submisión ós ditados do gran capital principalmente europeo. Precisamos dunha representación que aporte dende as institucións á ruptura coa monarquía continuadora do franquismo e á apertura dun Proceso Constituínte republicano. Pero esta labor só terá sentido se contamos cunha forte presenza na rúa e nos organizamos dende os nosos centros de traballo, de estudo e nos nosos barrios.

Para as comunistas, a causa fundamental desta inestabilidade do Réxime deriva do colapso dun modelo de desenvolvemento económico profundamente desigual e imposible de manter. Sen vincular a crise política á crise económica e sen formular unha serie de medidas capaces de outorgar unha dignidade mínima ás traballadoras, calquera proposta non será quen de solucionar os nosos problemas. A clase dominante non despreza esta idea, e por iso repite  ata a saciedade que estamos a saír da crise. Unha candidatura que aspire a representar a todos e todas as oprimidas ten que insistir coa mesma contundencia que seguimos en crise, pero que está nas nosas mans, co voto e sobre todo coa loita e a organización, comezar a construír unha alternativa.

O actual momento político vén tamén marcado pola creba absoluta do modelo territorial que as diferentes burguesías nacionais impuxeron ós pobos do Estado durante a Transición. O complexo conflito aberto en Catalunya, unido á situación en Euskadi, moi probablemente derivarán en intentos de lograr un novo encaixe para as burguesías das nacións “periféricas” no bloque dominante. Fronte a estes intentos de pacto de elites a representación galega nas Cortes, ó igual que a través da unidade popular na rúa, debemos reivindicar con firmeza o dereito dos pobos a decidir o seu  futuro democraticamente  Este é un dos múltiples elementos democráticos fundamentais para a ruptura coa reformulación do Réxime que están a intentar.

Non menos importante debe ser, dende o noso punto de vista, a tarefa de contribuír en estreita ligazón co movemento feminista ó recoñecemento da violencia de xénero como cuestión social e de Estado. Nun momento histórico no que o movemento feminista está a conquistar cada vez unha maior visibilidade para esta cuestión “En Marea” , coma calquera candidatura que se considere a si mesma minimamente progresista, ten o deber de se poñer ó servizo do mesmo para axudar no avance da loita das mulleres. Sete mortas en Galiza e 55 no conxunto do Estado só no que vai de ano constitúen un auténtico drama social contra o que cómpre batallar coa máxima dureza Ademais, temos que ser quen de dotar ao problema do patriarcado dunha profundidade maior, recoñecendo as súas diferentes expresións en cada un dos espazos sociais: o fogar, o centro de traballo, a rúa…

Dende as mareas municipais, un chanzos dun camiño que comezamos a percorrer coas folgas de finais da década pasada, e continuou co 15m ou as Marchas da Dignidade, a práctica institucional amosou as súas limitacións. Non é só que as leis estatais limiten a marxe de manobra para construír auténticos Concellos do pobo. É preciso recordar que estamos nun marco de ditado da Troika que tamén temos que derrotar. As arelas que o pobo expresa democraticamente non poden verse freadas por poderes ilexítimos. Esta é a faceta vital das tarefas a que nos enfrontamos, e que terá que asumir “En Marea” e calquera proceso que pretenda derrubar o Réxime.

As mozas e mozos comunistas traballaremos para que “En Marea” leve as nosas preocupacións e demandas como xuventude traballadora: políticas que freen a emigración, o paro e a precariedade laboral á que nos vemos sometidas, a derrogación das reformas laborais de PP e PSOE, o fin do desmantelamento dos sectores produtivos e do rural, a recuperación e mantemento duns servizos públicos universais e de calidade, o fin da LOMCE e a paralización do 3+2, a efectiva protección do dereito á vivenda etc.

Como xa temos visto, a cita do 20D non é unha cuestión sen importancia. Sen caer na ilusión de que só mediante a loita electoral se poden lograr transformacións, cremos preciso tomar partido no proceso. Non será a Xuventude Comunista a que abandone nun momento como este un espazo como o que representa En Marea, pese a non estar de acordo co proceso pechado, opaco e antidemocrático que a precede. Consideramos tarefa nosa trasladar unha perspectiva xuvenil e de clase, e centrar a atención da candidatura nos problemas que temos as mozas e mozos.non deixaremos nin por un segundo de atender ó noso traballo político nos barrios, nos centros de estudo e lugares de traballo, dende onde realmente se constrúe poder e unidade popular. Continuaremos firmemente dando pasos para a construción dunha sociedade nova, democrática e sen explotación. Construíndo con decidida vontade a III República e o Socialismo.