As expresións do patriarcado nesta época do ano

Imprimir
PDF

Como todas sabemos, ao longo deste mes son comúns os actos sociais e festas, especialmente no caso da mocidade. As saídas coas amizades e as compañeiras de traballo ou de estudo increméntanse e facemos máis vida social durante a noite. Porén, nestes momentos somos testemuñas tamén de que as condutas patriarcais e machistas se reproducen e se fan máis evidentes, tanto nas propias zonas de festa como na publicidade que se fai destas.

Por unha banda, os estereotipos e a consideración na publicidade das mulleres coma un "produto reclamo" seguen a ser unha constante nas nosas cidades e pobos. A cosificación da muller, empregando a súa imaxe hipersexualizada e desvalorizada, é só un exemplo do mercantilismo co que se trata os nosos corpos. É preciso que todas sexamos quen de interiorizar os intereses e privilexios que se agochan detrás desta conduta e como contribúe a fortalecer a posición subordinada das mulleres na sociedade. Por iso, é fundamental que denunciemos e colaboremos no rexeitamento cara este tipo de publicidade, na construción e desfrute en verdadeira igualdade das festas ás que asistimos.

Por outra banda, é moi frecuente que o incremento das saídas faga aumentar proporcionalmente a manifestación de condutas machistas, mesmo entre os nosos achegados. Dende a desvalorización, pasando polo control e os micromachismos, ata mesmo agresións físicas non poden ter cabida no noso ocio. O asentamento destes comportamentos no noso tempo de lecer non deixa en ningún caso de ser tamén unha forma de perpetuar o heteropatriarcado imperante no noso actual sistema. O capitalismo, que se fortalece coa dominación das mulleres e coa súa consideración de suxeitos secundarios, é o único beneficiado de que reproduzamos na nosa cultura e no noso día a día eses roles. Fai apenas uns días coñeciamos como un home agredía a unha moza en Vigo nun dos locais que frecuentamos polas noites; a esta acción, das máis graves e evidentes, súmanselle outras moitas máis encubertas ou invisibilizadas, coma a humillación, o acoso, a anulación ou o humor e a linguaxe sexistas. Todas elas sustentan a estrutura económica e o modelo de sociedade patriarcal; de todas elas temos que ser conscientes e animar a romper as regras de xogo que o réxime nos impón. Por iso, queremos transmitir a importancia de seguirmos combatendo, en tódolos ámbitos das nosas vidas, a dominación sobre as mulleres.

Ademáis, a relegación da muller ao eido privado queda patente durante as xuntanzas de carácter máis familiar. Non é infrecuente que durante estas sexa a muller a que se encarga do traballo doméstico, de servir e recoller, do coidado das nenas e nenos e de toda a carga habitual das tarefas no fogar. A unha situación cotiá xa de por si inxusta e que supón para ela unha dobre explotación engádese a excepcionalidade dos traballos derivados das celebracións.

Coma comunistas e coma feministas entendemos que a loita contra tódalas violencias machistas é unha tarefa ineludible para organizar un sistema radicalmente distinto. Neste proceso, o papel da mocidade debe ser activo e participativo, á altura da nosa responsabilidade histórica. Non podemos consentir unha soa agresión máis, tampouco nas festas!

Reivindiquemos o feminismo tamén no noso ocio!

Non máis violencia machista nas festas!