Comunicado da Xuventude Comunista no día da Clase Obreira Galega

Imprimir
PDF

Pasados 44 anos dende que os sindicalistas de ferrol, Amador e Daniel, foron asasinados a tiros mentres participaban nunha folga, a mocidade obreira seguimos a vernos na obriga de tomar as rúas para reclamar melloras dos dereitos e as condicións laborais.

Sufrimos un mercado laboral que precariza as nosas condicións de vida: contratos de escasa duración, xornadas parciais que obrigan a compaxinar diferentes actividades laborais, baixos salarios. Todo isto impide que a mocidade poidamos estruturar perspectivas de futuro véndonos na obriga de vivir ao día.

Se no Estado español o salario medio é de 18500 euros ao ano, o da mocidade entre 18 e 25 anos é de algo máis de 6000, e o da mocidade entre 25 e 35 anos de 14500. Estes datos son aínda máis alarmantes en Galiza, onde a mocidade ten os terceiros salarios máis baixos de todo o Estado. Esta realidade compleméntase coa elevada taxa de paro (arredor da metade da mocidade galega non ten emprego). Desta forma vemosque a oferta de postos de traballo é insuficiente e de mala calidade, dificultando a nosa emancipación e obrigándonos a depender en moitos casos do núcleo familiar.

Por iso, algunhas das medidas polas que debemos loitar coa unión da mocidade traballadora son as seguintes:

  • Redución da xornada laboral a 35 horas, sen perda salarial, medida que aparte de mellorar as nosas condicións de traballo, permitiría a creación de 1,3 millóns de empregos novos.
  • Derrogación das Reformas Laborais de 2010 e 2012, que aumentaron os contratos temporais e a tempo parcial e abarataron os despidos dos contratos indefinidos.
  • Eliminación das ETTs, que afondan na precariedade e na nosa explotación.

O único xeito de acadar estes dereitos é a loita unida de toda a clase traballadora, organizándonos e decidindo o noso futuro conxuntamente e con alegría poderemos acadar o futuro que nos merecemos e que uns poucos nos queren quitar!

Somos clase obreira.

Nós movemos o mundo!