Proxección de "The Virus of Faith" en Santiago

Imprimir
PDF

Proxección de "The Virus of Faith" en Santiago

A Xuventude Comunista proxectará este xoves 18 de novembro en Santiago o documental "The Virus of Faith", segunda e última parte do documental "The Root of All Evil?", escrito e presentado polo famoso etólogo e ateo Richard Dawkings para a canle británica Channel 4. A proxección terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía ás 18:00h, e irá seguida dun coloquio entre os asistentes.

Desta volta, Dawkings aglutina en 50 novos minutos de entrevistas e reflexións unha crítica á hexemonía dogmática que exerce a relixión en pleno século XXI, dende a mesma infancia ate a idade adulta. Como se propaga este sometemento da consciencia na nosa sociedade? É verdadeiramente necesario un sistema de valores éticos e morais baseados no sobrenatural?

Célebre divulgador científico e teórico evolutivo, Richard Dawkings ven facendo nas últimas décadas un ateismo militante froito da súa reflexión dende a razón e a ciencia. Recoñecido como un dos maiores intelectuais do mundo actual, o coñecido como "Rottweiler de Darwin" é ademáis autor de libros coma "The Selfish Gene" (1976, 1989, 2006), "The Extended Phenotype" (1982), "A Devil's Chaplain" (2003) ou "The God Delusion" (2006).