Contra o peche das casas de acollida de enfermos da sida en Ourense e Vigo

Imprimir
PDF

Dende a Xuventude Comunista amosamos a nosa máis profunda repulsa ante a pretensión institucional do peche das casas de  acollida de enfermos da sida en Ourense e Vigo, así como apoiamos ao colectivo de enfermos de dita enfermidade perante  este abandono do que é responsable directa a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Estes feitos nada illados, veñen encadrados no proceso privatizador e precarizante da sanidade pública galega emprendido  polo goberno de Núñez Feijóo nos últimos meses, e que tivo unha resposta popular o pasado mes en Santiago de Compostela  ca celebración dunha gran manifestación nacional á que acudiron máis de 25.000 persoas reclamando unha marcha atrás neste  atentado á cidadanía galega.

Nun par de anos, a casa de acollida de enfermos da sida de Ouernse leva reducida a súa asiganción por parte de Benestar  nun 46% segundo denuncia o Comité Antisida de Ourense, véndose obrigada dita asociación á solicitude dun préstamo  bancario para o mantemento do seu servizo, no que resulta a evidencia máis clara de que se trata dun proceso sistemático  e nada accidental "froito da austeridade consecuencia da crise", como adoita xustificar o goberno de Núñez Feijóo o  recorte dos dereitos das galegas e galegos. Ante o peche antes de finais do ano dos centros de acollida de Ourense e  Vigo, 15 enfermos da sida (8 deles terminais, 4 dos mesmos encamados) irán directamente á rúa a agardar pola morte ao non  dispor de recursos económicos propios, cidadáns esquecidos polas institucións públicas que se sumarán aos máis de 40 que se atenden nestes centros cada ano.

Dende a Xuventude Comunista esixímolles ao goberno actual da Xunta o cese inmediato do desmantelamento das casas de acollida de  enfermos da sida en Ourense e Vigo, así coma a posta en marcha dun programa de mellora asistencial das mesmas (derívanse  fóra da Galiza cada ano sobre 15 enfermos do VIH/sida á par que se acusa da falta de máis persoal especializado e  recursos) que evite a marxinación deste colectivo cidadán.

 

Por un sistema sanitario público!

Contra o peche dos centros de acollida a enfermos da sida!

Non á marxinación da nosa cidadanía!