Asemblea da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ourense

Imprimir

O Ateneo ourensán quedou pequeno para albergar á xente que quixo participar na Asemblea veciñal convocada pola Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública de Ourense, que tivo lugar o pasado 15 de marzo.

Asociacións veciñais, de usuarios e de doentes, colexios profesionais, organizacións políticas, sociais e sindicais, persoas a título particular, cargos institucionais, alcaldes e concelleiros de municipios como Ourense, Amoeiro, Carballeda de Avia, Parada do Sil, Coles... en definitiva, unha parte moi importante e representativa da sociedade ourensá, quixo sumarse explicitamente ao Manifesto elaborado pola Plataforma e aprobou, por aclamación, a proposta de celebrar unha grande manifestación o próximo 7 de abril na cidade de Ourense, en defensa do sistema sanitario público, contra a súa privatización, pola creación de novas infraestruturas hospitalarias e de atención primaria, e por unha atención digna e humana.

O vindeiro luns día 21 de marzo no Ateneo de Ourense celebrarase unha reunión de traballo para organizar a mobilización do 7 de abril. Queda moito traballo por diante e necesitamos a participación e concurso de todas as persoas que compartan con nós as mesmas inquietudes.

 

Todas e todos a facer posíbel que o 7 de abril Ourense enteiro se mobilice en defensa da Sanidade Pública.