[Lugo] Rap pola República!

Imprimir
PDF

O pasado sábado 22 de setembro celebrouse en Lugo o concerto de “Rap pola República”.

Arredor de 70 mozos e mozas da cidade puideron asistir ao clube Clavicémbalo para escoitar o noso manifesto reivindicativo e a varios grupos de rap que non dubidaron en colaborar nun concerto que se alongou ata ben entrada a madrugada.

Nun período de recortes en materia social, que supoñen a perda do dereito a unha educación pública e de calidade, a unha vivenda digna e a un traballo e que afectan esencialmente á mocidade e á clase traballadora, vemos necesario dar un paso adiante e apostar pola III República como vía ao socialismo.

A monarquía, que xa demostrou en múltiples ocasións a súa natureza corrupta, que mantén a opacidade nas contas e acumula máis patrimonio, reúnese e asiste a cumbres con empresarios arredor de todo o mundo. Isto proba que existen intereses por enriba da mera representación institucional.

Mentres isto ocorre, a varios xóvenes estudantes da nosa cidade reclámanselles multas por participar en protestas estudantís, pacíficas. E o paro xuvenil é unha cuestión sangrante que incide no noso día a día na cidade.

É por iso que seguiremos apostando pola República, sendo unha loita ligada ao movemento obreiro e progresista. Unha República federal solidaria, radicalmente democrática, laica e que loita pola paz e contra o imperialismo.

A POLA TERCEIRA!