[Ourense] Polo mantemento dos postos de traballo e o futuro da industria ourensá: NON AO PECHE DE T-SOLAR!

Imprimir
PDF

Fai unhas semanas, o grupo Isolux Corsán procedía a comunicar a aplicación dun proceso concursal e un ERE de extinción para os 170 traballadores e traballadoras de T-Solar, empresa punteira en produción de paneis solares situada no Parque Tecnolóxico.

Un novo ERE na nosa cidade ao que non se lle pode calificar senón de estafa, tras térense invertido, no seu día, máis de 65 millóns de euros das arcas públicas (parte dos mesmos, condicionados a manter os postos de traballo) sobre os que Isolux non dá contas, e a Xunta de Galicia (principal acreedora de T-Solar) evita tomar calquera tipo de medida ao respecto, ignorando así ás 170 familias ás que Isolux non dubidou en deixar na rúa.

Isto supón ademáis un novo ataque ao xa de si raquítico tecido industrial de Ourense, que se viu mermado co peche de 500 empresas nos últimos 4 anos, que ten como consecuencia unhas oportunidades cada vez menores de atopar postos de traballo para a xuventude ourensá (ocasionando que Ourense perdera no mesmo período 7.175 persoas con idades entre 15 e 34 anos debido ao exilio económico forzoso).

Por todo isto, a Xuventude Comunista celebra e participa dende o comezo na loita dos e das traballadoras de T-Solar: dende as primeiras mobilizacións co anuncio do ERE, ata a recente ocupación obreira da fábrica (que logrou frear o desmantelamento da planta de gases auxiliar, vital para a viabilidade dunha posible oferta de compra de T-Solar), demostrando que a loita da clase traballadora polos seus dereitos ten o seu resultado e é máis necesaria ca nunca neste momento de crise do sistema capitalista.

Ante este novo atropelo da clase traballadora por parte da patronal, as institucións públicas, e o sindicalismo traidor; que perseveran na criminalización da loita das e dos traballadores polos seus dereitos máis elementais, dende a Xuventude Comunista esiximos:

 

- O cese inmediato do desmantelamento de T-Solar por parte de Isolux Corsán mediante un compromiso por escrito.

- A significación activa da Xunta de Galicia no conflicto, pedindo por unha banda a rendición de contas dos cartos públicos invertidos (máis de 65 millóns), e a mediación no proceso concursal da fábrica que garanta os 170 postos de traballo (como a oferta de compra de Sunfilm UK Limited).

- A información aos traballadores sobre o proceso concursal, así como o pago restante da indemnización pola extinción do seu anterior contrato.

- O cese inmediato de toda represión á que se ven sometendo aos traballadores e traballadoras que loitan polos seus dereitos (vixiancia policial da ocupación, identificacións, campaña de desprestixio público, etc.).

 

Á vista queda que á patronal non lle treme a man á hora de arrouxar á xente ao paro cando convén aos seus intereses. Abaratar o despedimento, como se demostra unha vez máis, non está a crear emprego senón que o está destruindo. E con este, o futuro da xuventude na nosa provincia. Por iso, as mozas e mozos comunistas facemos un chamamento público á solidariedade coa loita dos traballadores e traballadoras de T-Solar polo futuro da nosa provincia e por un traballo digno para todas e todos.

 

POLO MANTEMENTO DOS POSTOS DE TRABALLO E DO FUTURO DA INDUSTRIA EN OURENSE:

NON AO PECHE DE T-SOLAR!