A Xuventude Comunista participa nunha homenaxe a Manolito Bello na Coruña

Imprimir
PDF


Homenaxe a Manolito Bello

 O pasado 11 de xullo o colectivo da Xuventude Comunista na Coruña participou nunha homenaxe a Manolito Bello, camarada falecido en 1946 que da nome a dito colectivo. Esta homenaxe estivo apoiada por media centena de persoas pertencentes a diferentes asociacións e organizacións.

Reunidas no cemiterio de Oza, na cidade herculina, foron moitas as persoas que lembraron a Manolito Bello, facendo fincapé na necesidade de ter presente sempre o compromiso militante para rematar coa explotación do home polo home.

Tras pequenas intervencións de diferentes personalidades, entre as que estaba a do responsable político do colectivo da XC, e baixo a bandeira do Partido e da Xuventude Comunista, pechouse o acto lembrando o espírito revolucionario de Manolito Bello cunha estrela vermella feita por caraveis, cumprindo así 67 anos despois da súa morte cunha das súas últimas vontades.

Adxuntamos a pequena reseña biográfica que relatou Beatriz Parga durante o acto:

Manolito Bello Parga nace o 13 de xaneiro de 1925 na Coruña, no primeiro andar do número 6 da rúa Monelos. Fillo de Manuel Bello Estévez e Adela Parga Boedo, é o maior de tres irmáns (Adela e Victor).

Podemos facernos un retrato de Manolito Bello de mozo a través dos datos e das distintas testemuñas recollidas. Manolo aparécenos así, como un rapaz miúdo, delgado, de estatura media e faccións regulares, de carácter afable. As persoas que o coñeceron transmítenos a imaxe dunha persoa simpática e cordial, con don de xentes, que inspira confianza e destacan, sobre todo, o seu carácter idealista, a súa nobreza e xenerosidade. Gustáballe a política, a conversa, e tiña unha gran facilidade de palabra. A súa vida era como a de moitos mozos da súa idade: Traballaba de dependente na ferraxería Moretón, na rúa San Andrés e axudaba tamén a seu pai no seu traballo de contable; era un rapaz sociable que lle gustaba pasalo tempo en compañía dos seus amigos.

Cando conta con 18 de idade anos coñece a Carmiña Sousa que ten entón 16. Carmiña e Manolo namóranse moi novos, pero a súa historia de amor quedará desgraciadamente truncada por un terrible e tráxico final. Porque non podemos esquecernos de que estamos na Coruña de principios dos anos corenta, acábase de sufrir a terrible represión do período da guerra, despois do golpe de Estado militar. Os paseos, as execucións, a cadea, as torturas e o exilio esnaquizan centos de familias na cidade e sementan o medo e o terror. O estado de dereito desaparece, a arbitrariedade imponse, e a xustiza non é mais ca unha triste parodia.

Manolito recollerá dende neno o ambiente que se vive na súa cidade, na época da guerra e a posguerra da primeira metade dos anos 40. Por un lado, a brutal represión do novo réxime, pero por outro tamén, as esperanzas da poboación postas primeiro, no resultado da guerra civil e, tras a terrible derrota, no desenvolvemento da II Guerra Mundial. Así xorde unha xeración de xente nova, que non foi protagonista da guerra e que en vez de adaptarse e dobregarse á nova situación que representaba a ditadura, toma o testigo da loita contra o fascismo coa idea de que era necesario manter viva a resistencia ao réxime para poder ligar o destino do pais á vitoria das potencias aliadas para poder restablecer a república e a democracia.

As inquietudes políticas de Manuel Bello maniféstanse dende moi novo pero é probablemente a finais do ano 44 cando entra a formar parte das JSU (as xuventudes do PCE) que está reorganizando Avelino Rivas Pombo na comarca da Coruña, iniciándose a súa militancia na clandestinidade. É detido por primeira vez o 2 de Maio de 1945 pola elaboración de unhas octavillas políticas, e é condenado por un delito de rebelión militar ingresando na cadea o 22 de Maio de ese mesmo ano. O 21 de decembro é posto en liberdade provisional en espera de xuízo, continuando fora da cadea, coa súa actividade política clandestina ata que se incorporará, a finais de xaneiro, á guerrilla do alto, formando parte da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia.

A finais de maio do 46 a guerrilla decide facer un acto de sabotaxe na Coruña consistente na colocación dun artefacto explosivo no edificio da Falanxe. Acompaña a Manolo no destacamento José Pedreira de la Iglesia, veciño de San Roque e militante da CNT. É a noite do 20 de maio, finalmente deciden non realizar a acción ao atoparse dentro do edificio ao conserxe. Cando se dirixen de retirada ás once e media da noite son interceptados pola Garda Civil, na rúa Rubine. No tiroteo morre alcanzado polos disparos da Garda Civil, Arcadio Vilela pertencente aos Caballeros da Coruña (a organización que se dedicou durante a guerra a realizar asasinatos extraxudiciais, os tristemente chamados “paseos”). Manolito é apresado nun portal preto da súa casa na Praza de Pontevedra, e é acusado da morte de Vilela. Isto causa unha gran conmoción na cidade e o réxime actúa cunha gran dureza intentando utilizar a detención e a posterior execución dunha maneira propagandística como escarmento á guerrilla. Manolito Bello está condenado polo réxime desde o mesmo momento da súa detención e a súa causa convertese nun paripé, nunha pantomima que hai que celebrar para dar aparencia de legalidade á inxustiza.

O 11 de Xullo de 1946 fai hoxe 67 anos, é asasinado a garrote vil na cárcere da Coruña despois de ser vítima de maltrato e torturas. Tiña 21 anos. A súa figura convértese en unha referencia para a resistencia antifranquista e no seu honor un batallón do exercito da guerrilla levará o seu nome. Hoxe en día o colectivo das Xuventudes Comunistas da Coruña leva o seu nome.

Unha das súas últimas vontades foi que na súa tumba se lle colocara unha estrela feita con caraveis vermellos, símbolo da JSU, que representa os cinco continentes, a solidaridade humana e o internacionlismo proletario. Grazas á axuda do empregado do cemiterio que lles abre a porta despois do horario de peche, un grupo de persoas entre os que estaba Carmiña, a noiva de Manolito, colocan a estrela. A GC, pensando que os guerrilleiros saltaran o muro do cemiterio pola noite, estivo facendo garda permanente no cemiterio durante os días seguintes. Pero nin o medo nin a represión impedirán que Carmiña coloque todas as semanas cinco caraveis vermellos, representando as cinco puntas da estrela.

Por iso é necesario recordar a persoas como a Manuel Bello que son exemplo de valor e dignidade, que nos recordan que non todo é o mesmo e nos reconcilian coa palabra “política” lembrándonos o seu sentido máis nobre.