A perda de servizos é o desmantelamento do rural

Imprimir
PDF

No rural galego vimos coñecendo unha constante perda de servizos que se acentuou co inicio da crise. Todo atende á mesma lóxica capitalista de explotación e desigualdade.

Non podemos separar esta perda de servizos da destrución do tecido económico do noso rural, que conduce aos seus habitantes ao exilio forzoso ás cidades en busca dun futuro digno. Os peches das escolas rurais, a limitación na oferta académica dos institutos das vilas, as fortes deficiencias nos servizos sanitarios do rural ou a ausencia dun transporte público que asegure a mobilidade son algúns dos moitos exemplos que evidencian e agravan a situación de abandono e desigualdade que se vive no rural. Unido isto a unhas políticas agrarias e pesqueiras devastadoras para a nosa economía, ao desmantelamento do xa de por si escaso sector industrial e ás tentativas das empresas mineiras de abrir en canle a terra que traballamos; vemos que todo o que nos venderon a Xunta, o Goberno de España e a Unión Europea eran mentiras e falsas esperanzas para o rural e os seus habitantes. Despois de tantos anos e tantas promesas rotas, sabemos que saír adiante e atopar un futuro nunha aldea ou vila é incomparablemente máis difícil que atopalo na cidade.

As administracións e os políticos ao servizo do capital enganáronnos e vendéronnos ao mellor postor; hipotecando o noso futuro e agardando que calásemos obedientemente. É hora de que nós mesmos pasemos á acción e só a través da organización e da loita, a través da construción de poder popular, poderemos facer fronte aos ataques e humillacións ás que se ve sometido o rural, defendendo o que é noso e respondendo ás súas agresións con loita e unidade.

POLO FUTURO DO RURAL!

ORGANIZACIÓN E PODER POPULAR!