Nova subida nos prezos do transporte público en Vigo

Imprimir

O alcalde de Vigo ven de anunciar nos pasados días unha subida no prezo do Vitrasa, que incrementará en 8 céntimos o billete ordinario, pasando a custar 1,32€.

A isto se lle suma unha proposta, en proceso de elaboración no Concello, para restrinxir o Bonobus (que permanece co prezo conxelado) ás persoas que non estean empadroadas en Vigo. Esta medida é totalmente escandalosa, pois afecta a un grande número de traballadores e traballadoras que teñen que vir cada día a Vigo dende fora da cidade. Así mesmo a empresa concesionaria do transporte público en Vigo está a recibir 11 millóns de euros por parte do Concello en concepto de subvención polos servicios de transporte bonificados (lanzadeiras e bonobuses), cantidade que se prevé que aumente neste ano, o que implicaría que a conxelación dos prezos no bonobus o acaben pagando indirectamente os vigueses.

As novas subidas de prezo enlázanse con outras subidas no sector dos transportes, coma o aumento no prezo das peaxes e os billetes de tren e bus interurbán, precarizando aínda máis a vida de estudantes e traballadores e traballadoras, para aumentar os beneficios das empresas privadas e concesionarias.

Polo que temos que denunciar outro ataque máis contra a clase obreira, que se atopa nun contexto de durísimos recortes económicos e sociais levados a cabo dende os Gobernos tanto estatal como autonómico, aos que non lles chega con fomentar a rebaixa dos salarios, senón que tamén nos encarecen o custo da vida nos produtos máis básicos con tal de manter ou aumentar a tasa de ganancia dos empresarios.

Por iso, esiximos a municipalización do tranporte público en Vigo, para que responda ás necesidades do pobo vigués, e non ao lucro dunha empresa privada. Ista é a única alternativa para que os veciños e veciñas de Vigo podan dispoñer dun transporte público a prezos asequibles, que integre a área metropolitana e os núcleos rurais e que garanitice o emprego e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras de Vitrasa.