Santiago Álvarez, 101 anos de historia

Imprimir

Santiago Álvarez nace o 11 de febreiro de 1913 en San Miguel de Outeiro (Valdeorras, Ourense), unha pequena aldea de apenas unhas dúcias de veciños. A vida é dura. Aínda máis para os pequenos. Santiago afíliase ao Partido Comunista con tan só 18 anos, formando a célula do mesmo en Valdeorras xunto a outros mozos da comarca. En 1934, é encarcerado por primeira vez polo seu apoio á Revolución Mineira de Asturies, e cos seus 20 anos é xa un grande dirixente sindical e político, iniciándose como o grande orador que será nas eleccións de 1936 cos compañeiros da Fronte Popular.

Madrid, 1936. No medio dun curso de formación política do PCE, cólleo de golpe a sublevación fascista e da comezo a Guerra Civil. Pronto será Comisario Político en diversas unidades do Exército Popular da República, e organiza xunto a Castelao as Milicias Populares Galegas coas que loita heroicamente na defensa de Madrid. Rematada a guerra sofre exilio, sendo detido en 1944 cando volta a España clandestinamente. Torturado e condeado a morte, pasa finalmente 10 anos nos penais franquistas dos que só logra sair tras unha intensa campaña internacional pola súa liberación.

Membro do Comité Central do PCE dende 1937, Santiago era sen dúbida un dos nomes importantes do partido. Queda encargado nese momento das relacións internacionais do PCE, o que lle permite viaxar por todo o mundo entrando en contacto cos partidos comunistas de toda Europa e tamén de América Latina e a África lusófona, mantendo tamén contacto permanente coas comunidades de emigrantes galegos.

Fillo de labregos, fixo grandes achegas á construción do programa comunista para o campo español e galego, actualizando a visión do PCE sobre a cuestión agraria, sendo en boa medida o seu traballo o responsable da implantación do PCG no campo galego a través das Comisións Campesiñas e da importante participación en loitas coma a de Castrelo do Miño. Outra das súas grandes preocupacións foi a cuestión nacional, convertíndose no principal impulsor da creación do Partido Comunista de Galicia en 1968 do que é elexido Secretario Xeral.

Tras regresar de novo a España en 1976, é encarcerado en xuño permanecendo en Carabanchel dous meses ata a amnistía de agosto, sendo de novo detido a finais do mesmo ano con outros membros do PCE. Á marxe da súa actividade politica, que seguiu sendo moi intensa ata que en 1979 abandoa a Secretaría Xeral do PCG en mans dunha nova xeración, Santiago Álvarez desenvolve un importante labor ensaístico. Feito que non deixa de ser paradoxal en certo modo tendo en conta que Santiago Álvarez foi un rapaz analfabeto que non apredeu a ler ata que xa foi mozo.

Un galego universal, un comunista exemplar nado nunha familia pobre de labregos, que finaba en abril do 2002 en Madrid. Con todo, as súas aportacións teóricas e a súa incansable loita seguen cada día máis vivas para as mozas e mozos comunistas de hoxe.