[Vigo] Concentración en apoio de Kaziza Lafkir

Imprimir
PDF

EU APOIO A KAZIZA LAFKIR

Este 2012 é un ano máis sen xustiza no Sáhara Occidental. Pasaron 37 anos desde a denominada "Marcha Verde", organizada por Marrocos con apoio doutras potencias internacionais, a cal supuxo a ocupación militar dun territorio colonial español, que fora recoñecido internacionalmente como pendente de descolonización pola asemblea xeral das Nacións Unidas.

Case catro décadas despois, a comunidade internacional segue facendo oídos xordos ao clamor unánime dun pobo que deixou patente que non aceptará nunca nada que non sexa a completa recuperación da soberanía sobre todo o territorio saharaui, en cumprimento dos dereitos que lle asisten en base á lexislación internacional.

A represión política, a violación de dereitos humanos, incluíndo desaparición forzosa, detención arbitraria, torturas, violacións, execucións extraxudiciais, o uso excesivo da forza, foron os métodos de actuación da administración marroquí ocupante en contra das xustas reivindicacións do pobo saharaui.

Fai xa case 2 anos dos sucesos de Gdeim Izik, onde o pobo saharaui desafiou ao ocupante establecendo un campamento de protesta nos arredores da cidade ocupada do Aaiun, para reivindicar a mellora das súas condicións de vida e a convocatoria dun referendo de autodeterminación, e que foi desaloxado a sangue e lume polo exército marroquí, causando mortos, decenas de feridos, desaparecidos e detidos, o que provocou a condena unánime da comunidade internacional.

Un destes feridos, Lafkir Kaziza, mozo saharaui de 22 anos foi un dos primeiros en caer durante a intervención militar. O seu ombreiro foi esnaquizado a golpes de fusil quedándolle inutilizado e inmóbil, pasou case un mes en calabozo, sen ningún xuízo previo, no medio de ameazas e innumerables torturas.

O mozo activista Lafkir Kaziza chegou a España para unha visita de 10 días para dar a coñecer o seu caso e expor a situación nos Territorios Ocupados do Sahara Occidental, con todo un día despois de chegar, a súa nai foi detida e encarcerada e os seus familiares alertados de que, en caso de volver, sería encarcerado ou desaparecido.

Ante esta situación Lafkir decidiu iniciar unha folga de fame reivindicativa, cun punto fundamental, a liberación inmediata dos 22 presos políticos saharauis do cárcere de Sae, internados tras os sucesos de Gdeim Izik, que continúan sen xuízo, ademais da repetición baixo observación internacional dos xuízos do resto de presos políticos saharauis.

Esiximos ao goberno marroquí a súa inmediata liberación ou a realización dun xuízo inmediato con todas as garantías.

Esiximos ao goberno de España unha actitude activa cara á monarquía marroquí na vixilancia e cumprimento dos Dereitos Humanos, así como un compromiso firme coa autodeterminación do pobo saharaui, deber que aínda mantén ao ser de facto a potencia administradora.

Pola liberdade inmediata dos 22 presos políticos de Gdeim Izik

- Posta inmediata en liberdade ou xuízo inmediato por un tribunal civil e non militar

- Permiso de visita en réxime aberto, sen cristais e sen vixilancia

- Permiso de entrada de médicos e insumos sanitarios.

Pola repetición dos xuízos do resto de presos políticos saharauis baixo observación internacional con todas as garantías axustadas aos estándares do dereito internacional.

Pola apertura inmediata dos territorios saharauis aos observadores de dereitos humanos e o fin á ocupación do Sahara Occidental.

Eu apoio a Lafkir Kaziza
____________________________________________________

Viva a loita do pobo saharaui!

CONCENTRACIÓN EN VIGO EN APOIO Á A KAZIZA LAFKIR en Vigo sábado 9 de xuño, ás 19:00h na Farola.

Participa e difunde! 

http://huelgakaziza.blogspot.com.es/