Os incendios forestais, a destrución dos montes galegos

Imprimir
PDF

Galiza está sendo vítima dunha das peores lacras medioambientais: os incendios forestais. Nos últimos días fomos testemuñas dos numerosos incendios que asolagan os nosos montes ante a actitude impasible da administración, que debería de tomar medidas para atallar esta situación que cada ano destrúe miles de héctareas de masa forestal.

Mais ao PP parece non importarlle moito o que esta a acontecer, ou será que ten a vista posta noutro tipo de xestión? Terán algo que ver as grandes empresas madeirísticas do país?

O certo é que o goberno tanto central como autonómico veñen de aplicar medidas que desmantelan o sector, co obxeto de xustificar a súa ineficacia e así poder privatiza-los servizos de prevención e extención de incendios forestais. O PLADIGA (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza) mostra como cada ano se contratan menos brigadistas, que realizan en plena campaña de loita contra incendios traballos de prevención -como son os traballos de desbroce-. Ademais de terén que realizar tamén traballos de extinción durante o seu servizo, o cal dificulta e empeora tanto os traballos de extinción coma de os de prevención.

Mentras tanto, os e as traballadoras non ven melloras nas súas condicións laborais, sendo avocados á temporalidade, á precariedade e, sobretodo, sen o recoñecemento da categoría profesional de bombeiros forestais, todo esto xestionado dende empresas públicas como TRAGSA ou SEAGA  ou a empresa privada NATUCTENIA. Por outra banda, as políticas da PAC, a lei de Montes ou a lei de Mobilidade de Terras, supoñen unha apertura cara a privatización do sector, e por ende, a perda da soberanía do pobo galego coa entrada de empresas privadas nas Comunidades de Montes e Man Común, querendo converter Galiza en pasto das subvencións da UE pola instauración de cultivos enerxéticos altamente inflamables (eucalipto, paulownia...), que tan só benefician a empresas madeireiras e do papel, como ENCE e FINSA.

A Xuventude Comunista considera que a loita real contra os incendios forestais pasa pola elaboración dun plan para o aproveitamento sostibel dos montes e un plan de prevención e extinción axeitados na loita contra os incendios forestais, onde en lugar de verse beneficiadas unhas poucas empresas, sexa o conxunto da sociedade o beneficiado, ante a axeitada xestión do sector forestal. Así como devolverlle aos axentes forestais as súas funcións de polícia forestal e medioambiental. Ao mesmo tempo, mostramos o noso apoio ós e ás traballadoras do sector forestal, facendo nosas as súas loitas, tanto na defensa dos seus dereitos como na profesionalización da totalidade do servizo de extinción de incendios forestais da Galiza.