O 24 de outubro, Galiza sae á rúa a recordar que aínda non temos pan, traballo teito e dignidade

Imprimir
PDF
As Marchas da Dignidade en Galiza convocan o vindeiro 24 de outubro unha mobilización en Compostela que será a mostra da unidade do pobo contra as políticas que o goberno nacional e central, en connivencia con Bruxelas aínda manteñen. Con isto, as Marchas da Dignidade queren facer ver que a pretendida recuperación da crise é unha fantasía na meirande parte dos fogares dos e das galegas.
 
A taxa de paro mantense en Galiza por enriba do 20%, e en menores de 25 anos sube até o 45%. Non hai ningunha recuperación da dignidade da vida dos e das traballadoras posible con estes datos. Ademais, a precariedade no emprego segue a ser a tónica habitual: en setembro, o 93'04% dos novos contratos foron temporais. O pobo galego non sae da crise: as grandes empresas son as que están a crecer precisamente pousándose no lombo de nós.
O dereito á vivenda, necesidade básica xunto co traballo, que sempre foi fonte de beneficios para a especulación e a corrupción, e en xeral para as grandes empresas, aínda non é unha realidade. Hai poucas semanas coñecíamos o que implica a apropiación polos grandes capitais das vivendas das traballadoras: a morte dun desafiuzado en Compostela lembrábanos que non hai recuperación tampouco neste eido, que as noas vidas son un negocio para o capital.
 
Os servizos públicos aínda non foron xestionados para beneficiar ao pobo. Elementos tan esenciais para a vida como o ensino e a sanidade aínda son un espazo máis para a acumulación descarnada a costa das nosas vidas. Exemplos disto non faltan en Galiza, e o estado do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo é o caso máis claro. Na sanidade, o capital privado, apoiado polos seus partidos políticos, segue a facer negocio a costa da saúde do pobo.
 
Porén, o pobo continúa a reclamar o que é seu, e neste sentido, a dignidade segue a ser unha arela pola que traballadoras e paradas, estudantes e xubiladas, mulleres, migrantes... continuamos a construír a unidade do pobo como única vía para reverter este camiño de miseria ao que nos levan as políticas neoliberais e a loita pola acumulación de riqueza en mans dunha minoría privilexiada.
 
As Marchas da Dignidade son tan necesarias hoxe como aquel 21 de marzo de 2014 no que se encheu Madrid na loita por pan, traballo e teito. É por iso que a Xuventude Comunista animamos a todas a participar o 24 de outubro desta nova protesta en Compostela. A verdadeira unidade do pobo é unha tarefa a construír entre todas en centros de traballo e estudo, nos barrios e nas loitas cotiás por tomar coas nosas mans o que é noso, e na construción desa unidade, calquera esforzo é pouco.
 
O 24 de outubre vémonos na rúa esixindo pan, traballo teito e dignidade!
 
Día a día, atoparémonos no traballo, nos institutos, na universidade, e nos barrios, onde seguiremos avanzando na unidade cara a conquista do que nos pertence!