No rural, mesmos dereitos, mesmo salario

Imprimir
PDF

Este 15-O, como tódolos anos, celébrase o Día da Muller Rural, data na que unha vez máis queremos visibilizar a realidade das mulleres que traballan no medio rural e a necesidade de loitar pola conquista duns dereitos laborais xustos para todas. Aínda actualmente, o traballo das mulleres rurais considérase como un “complemento” ou “elemento auxiliar” dunha economía familiar que, se presupón, é unha tarefa do home.

Por iso, estas mulleres, que dedican ao agro igual ou mesmo máis esforzo que os homes, reciben, en cambio, un salario moito menor –ou incluso non reciben ningún- e non teñen ou case non teñen dereitos laborais; ademáis, vense privadas de cotizar ao réxime agrario. Os baixos salarios impiden á muller non depender financeiramente do home, e as condicións precarias caracterízanse por xerar traballos temporais, invisibilizados e intermitentes. As mulleres son obrigas a asumir un rol secundario, tanto no sector pesqueiro como no gandeiro e agrario, polo que é rara a vez na que consiguen a propiedade da terra que traballan. As normativas europeas, estatais e galegas non só non conseguen mudar esta situación, senón que profundizan aínda máis nas problemáticas das mulleres do rural. Tanto a PAC, que fomenta novos empregos de carácter complementario no proceso produtivo dirixidos a mulleres, como a Lei 35/2011 de titularidade compartida das explotacións agrarias, teñen un marcado carácter paternalista que fan depender o acceso a dereitos ao feito de que a muller comparta o traballo da súa parella. Consecuencia disto é o escaso número de mulleres que se acolleron a dita lei. 

Ademáis dun salario e dunhas condicións laborais peores, o acceso ao emprego para as mulleres no rural e mesmo no semi-rural, especialmente para as mozas, presenta cada vez máis obstáculos, nun momento no que a alta taxa de paro xa dificulta dabondo atopar un emprego, tamén á mocidade.

Por outra banda, a muller, que se ve relegada a adopción dun rol subalterno dentro da propia estrutura familiar, asume tanto as tarefas domésticas na súa maioria como os coidados das persoas dependentes. Sumado a isto, a muller que traballa no rural aporta un beneficio a ese núcleo familiar que nunca se traduce nunha xusta distribución do producido respecto a ela. Co cal, a explotación á que é sometida a muller no traballo agrario reflíctese tamén nunha explotación dentro do fogar -unha dobre explotación, que chega a ser triple no caso das mulleres que, ademáis, traballan fóra da casa e do agro-. 

Por isto, este 15-O, dende a XC, queremos visibilizar a necesidade de loitar pola igualdade de dereitos laborais das mulleres rurais e a de combater ao heteropatriarcado, aínda máis evidente no medio rural, todas xuntas e en todas partes. Neste senso, é fundalmental reflexionar sobre a propia posición da muller dentro do modelo de familia patriarcal, garantíndolle en todo caso unha participación activa nas decisións e deixando atrás a súa dependencia da economía familiar, que adoita considerarse propiedade e vontade do home.