A UNIDADE COMO ARMA PARA TOMBAR O RÉXIME: O PCG E A XC EN APOIO DAS MARCHAS DA DIGNIDADE

Imprimir
PDF

O PCG e a XC, co gallo da mobilización das Marchas da Dignidade o 24O, quere amosar o seu apoio activo á acción unida dos e das traballadoras e do conxunto do pobo galego para loitar por un futuro digno. As comunistas poñeremos todo o noso esforzo por cohesionar a todas as agredidas polo capitalismo en crise e avanzar na conquista dos dereitos que nos son negados.

Tomando como motor do noso día a día a “paixón pola unidade” que nos ensinou o histórico dirixente comunista José Díaz, faremos do 24O un símbolo do que ten que ser unha práctica política cotiá: avanzar ombreiro con ombreiro obreiras, estudantes, labregas, paradas, migrantes, pensionistas… dignificando o papel do traballo na construción da sociedade, fronte ao parasitismo de quen só recolle mais non sementa.

E este 24 de outubro é non máis que un símbolo porque a unidade só se constrúe no día a día, neses barrios esquecidos polos poderes públicos, nos centros de traballo onde somos explotadas independentemente de ideas políticas, de crenzas ou de ideais. Os e as comunistas non cremos suficiente a unidade só para saír un día á rúa, ou para votar o 20D. Este pobo esquecido por quen nos goberna ten que amosar que somos quen de darnos a nos mesmas o que nos pertence, e agarrar a dignidade coas nosas mans.

Por iso, estaremos o 24 no Obradoiro, igual que estaremos en cada trincheira que o capital nos obrigue a construír, en cada paso adiante que o pobo dea para avanzar na procura dunha vida mellor. A unidade é a nosa mellor arma, e por ela traballaremos cada día.

En palabras do propio José Díaz “esta unidad se realiza, no poniendo condiciones previas que entorpezcan su organización, sino, por el contrario, discutiendo en cada fábrica, en cada sindicato, en cada localidad entre los obreros de las diferentes tendencias, y tomando como base las necesidades de los obreros para preparar soluciones que beneficien a nuestra clase y no debiliten la alianza de los obreros con las fuerzas democráticas; es decir, concentrando nuestros golpes contra la reacción”. Con esta folla de ruta traballaremos sen descanso, e só con ela conquistaremos pan, traballo e teito.

O 24 de outubro: volvemos á rúa!