O 7N mobilizámonos para deter o feminicidio

Imprimir
PDF

Estas dúas últimas semanas foron das máis sanguentas, tanto na Galiza como en todo o Estado, no tocante á violencia machista. No que levamos de ano van máis de 70 feminicidios (sen contar cativos), 37 dos cales ocorreron só no verán.

Estamos xa fartas: Fartas do terrorismo machista que nos mata día a día, lembrándonos a todas o valor que se nos da neste mundo. Fartas da violencia machista exercida polas institucións, que non paran de recortar en recursos para as vítimas. Fartas da violencia machista, exercida polos medios de comunicación, que se empeñan en ocultar este drama. Un claro exemplo foron os artigos que este pasado 29 de outubro o Faro de Vigo e o Atlántico Diario publicaron cando un home decidiu tirar a súa parella, de 71 anos, pola fiestra dun terceiro piso ás cinco da mañá, redactando que a muller "se caeu" ou "se precipitou", respectivamente. Tratan o tema coma se fose un despiste e non un asasinato.

Fartas da humillación que sufrimos as mulleres debido aos contidos e imaxes publicitarias que nos tratan coma obxectos destinados ao home e ao seu corpo. Fartas dun sistema educativo no que se reproduce o sistema patriarcal en tódolos ámbitos; construíndo desigualdade e con esta tamén construíndo violencia xa entre nenos e nenas.

Fartas duns gobernantes que lonxe de revertir esta situación axudan a afianzala. Neste eido, vimos estes días como o presidente da deputación de Ourense abandoaba, co apoio do seu grupo, un pleno no que o xulgaban por ofrecer sexo a cambio dun posto de traballo, demostrando desta maneira unha total falta de vergoña e respecto. Ou nos papeis da coñecida trama Pokemón, na que os delincuentes usaban cartos públicos para consumir prostitución.

Estamos fartas de todo isto, pero sen dúbida do que estamos máis fartas é da violencia machista que toda a sociedade exerce sobre nós, unha sociedade que se empeña en mirar para outro lado e que nos culpabiliza. Unha sociedade que é cómplice de cada asasinato machista.

O vindeiro 7 de novembro reclamaremos nas rúas de Madrid que esta violencia se convirta nun asunto de Estado. Que tanto a sociedade, como as organizacións e institucións se comprometan dunha vez por todas coa prevención e coa erradicación das violencias machistas.

Que os medios de comunicación se comprometan a tratar axeitadamente estes casos e para concienciar a sociedade de que mentres se manteñan no poder persoas sen ningún tipo de respecto polas mulleres será imposible acadar unha sociedade na que as mulleres poidamos ser libres.

Como Xuventude Comunista temos claro que a revolución será feminista ou non será.

Querémonos vivas. Xuntas somos máis fortes.