25 de novembro: Feminismo contra as violencias machistas. Unidas, diversas e en loita!

Imprimir
PDF

As violencias que sufrimos as mulleres fan que vivir e relacionármonos con liberdade conleve sempre un risco. Todas sufrimos, sen excepción, a violencia que se desenvolve en distintos escenarios e que sempre obedece a un mesmo sistema de dominación. Un sistema que establece normas nas que sempre somos as mulleres a parte prexudicada; que controla o noso corpo, as nosas mentes e o noso modo de vivir. En demasiados casos tamén controla si debemos ou non vivir. E é aí cando comezamos a contar as ausencias das mulleres asasinadas: 6 feminicidios en Galiza no que vai de ano (93 no conxunto do Estado español). Mortes, todas elas, que se podían ter evitado.

O 25 de novembro é o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero e dende a Xuventude Comunista volvemos manifestar que non queremos NIN UNHA MENOS entre nós a causa destas violencias. Que as vítimas non “aparecen mortas”, como publican os medios de comunicación, senón que nos agreden e nos asasinan por ser mulleres. Cando intentan controlar os nosos corpos e as nosas relacións, cando nos someten á dobre e mesmo a unha triple explotación, no caso das mulleres que viven no noso medio rural, cando se reproduce coma certo o descurso das “denuncias falsas” ou cando nos atribúen un papel complementario ou secundario na vida pública, están exercendo violencia contra nós.

Rexeitamos as normas que controlan o corpo das mulleres, as que o mercantilizan e as que nos fan dependentes das decisións doutros. E reivindicamos hoxe, 25 de novembro, pero tamén tódolos días, a necesidade do feminismo como ferramenta de loita para sermos conscientes da dominación patriarcal que sufrimos a diario en tódolos lugares do mundo. Porque a través do feminismo vemos que somos agredidas, pero tamén que hai frontes dende as que combater colectivamente ao patriarcado. A través do feminismo, son moitos os compañeiros que aprenden a cuestionar os seus privilexios coma homes e a loitar contra as lóxicas machistas respectando os nosos propios espazos de loita.

É por isto que o 25 de novembro reivindicamos a unidade do feminismo tamén en Galiza, unidade que se viña forxando na Plataforma en Defensa do Dereito ao Aborto e que culmina no proceso de  constitución da Plataforma Feminista Galega actualmente, e marcámonos a tarefa como feministas de chegar a todas as mulleres coa mesma mensaxe: temos a necesidade de empoderarnos contra o patriarcado e as súas violencias, manténdonos unidas nunha inmensa rede de apoio mutuo que nos ampare ante o capitalismo feminicida.

Porque será recoñecendo a nosa diversidade, pero unidas e en loita, como faremos fronte ás violencias machistas que o Estado español aínda non recoñece e evita. O feminicidio é unha cuestión de Estado e non queremos NIN UNHA MENOS.

A revolución será feminista ou non será. Unidas, diversas e en loita!