Mudalo todo, O proceso constituínte que precisa o Pobo

Imprimir
PDF

Arredor do período electoral, soterrado pola loita de escanos, mantense un debate cuxa volta á actualidade podería establecerse no 15M, e que marca a liña divisoria entre dúas formas de comprender a loita contra o Réxime: reforma ou revolución, transición ou proceso constituínte.

Entre as organizacións e movementos sociais de esquerda a idea do proceso constituínte como punto de ruptura co Réxime do 78 cobraba forza co xurdimento do 15M; nese momento, o Pobo na rúa construía unha alternativa ao método existente de artellar a transformación social. Non se trataba de pedir, nin de elixir, senón de esixir. Outro momento de efervescencia do Pobo, quizais máis soterrado mediaticamente, representouno a mobilización republicana como reacción á abdicación do Rey Juan Carlos I. Porén, na axenda de parte da esquerda xa non se inclúe a idea do proceso constituínte, o “abrir o melón” e construír sen limitacións unha nova realidade política ao servizo do Pobo.

O movemento comunista, lonxe das caricaturas que del se fixeron, sempre foi consciente da relevancia de que fose o Pobo o suxeito político activo dos avances, sen deixar en mans de “tribunos” a tarefa de construír a dignidade merecida. Por iso hoxe, no contexto electoral, cómpre sinalar que a confianza depositada por este nos partidos de esquerda só pode significar, no contexto de creba, o mandato de loitar pola apertura dun proceso democrático e constituínte no que acordemos entre todas como convivir sen precariedade.

Non faltan experiencias das desilusións xeradas por apostas de reformas teledirixidas: a propia Transición supuxo a liberación do xugo directo do franquismo, mais tamén a frustración dunha liberdade “controlada”. Hoxe tamén se observa en Grecia, onde unha aposta política pola negociación dende o goberno parece desilusionar aos pobos que comezaban a crer nun futuro escrito en primeira persoa do plural.

Por iso, non basta con elaborar un programa de cambio e presentalo ás votantes, senón que resulta necesario abrir ese proceso constituínte que desborde o Réxime actual e rache coas barreiras impostas pola oligarquía. Esas barreiras non entenden de vitorias electorais. Boa mostra disto atopámola nos procesos municipalistas, para os que a configuración do Réxime supón unha camisa de forza que lles impide avanzar. Destes procesos, os máis lúcidos, xa teñen recoñecido que sen vitorias máis amplas, van esmorecer froito da estrutura reaccionaria do Estado.

A aposta polo proceso constituínte, máis alá de mera retórica, é a aposta polo Pobo, pola colectividade como axente do cambio. Nin unha soa barreira ao mandato do Pobo, iso é o proceso constituínte. Por iso, entre a reforma e a revolución, entre un Pobo activo ou un inactivo, só a aposta polo proceso constituínte permitirá que a vontade de todos e todas se reflicta nun novo proxecto no que os salarios dignos, a educación de calidade, a sanidade pública, a fin do patriarcado… en definitiva, a dignidade do Pobo, sexa unha realidade. Só o pobo salva o pobo.