En resposta á LGTBI fobia

Imprimir
PDF

A comezos desta semana aconteceu un caso de homofobia nun supermercado do barrio de Galeras de Compostela, tanto físico como verbal, posto que os agresores berraron descalificacións LGTBIfóbicas así como serofóbicas, antes e despois da mesma, ata o punto de que a parella tivo que ser escoltada pola policía, segundo conta hoxe a prensa.

Unha vez máis recibimos unha chamada á atención, unha vez máis persoas son golpeadas e degradadas pola súa orientación sexual. As agresións aumentan (segundo os estudos, a maioría de casos non son denunciados) e, mentres, seguimos sen leis que penalicen estos ataques. Vese que non todo está conquistado, que as demandas do colectivo non se escoitan.

Se ben é certo que o movemento LGTBI estase a mover en Galiza, non é suficiente, posto que as súas accións son locais e, maioritariamente, culturais e urbanas, sendo evidente a necesidade dunha maior protesta e dunha maior coordinación na acción, así como levar as reivindicacións ao rural.

A loita LGTBI galega debe dar un paso máis alá, seguir reactivando a mobilización na rúa e apostar pola unidade de loita, seguindo o exemplo das compañeiras da PGDA ou da Plataforma Feminista Galega, claro exemplo de unidade popular contra o patriarcado. Isto vese imperativo, de querer seguir avanzando na conquista de dereitos e conseguir que as demandas LGTBI cheguen ás institucións. Conquistar, sempre con alegría contra o seu odio, leis que garantan a nosa seguridade e liberdade.

Nin unha agresión máis! Se tocan a un tocan a todas! Stop LGTBIfobia!