O PCG participará activamente nas mobilizacións populares de outubro

Imprimir
PDF

O plenario do Comité Central do Partido Comunista de Galicia,reunido o pasado sábado 24 de setembro en Santiago de Compostela, reforzou a estratexia do Partido de ser axente activo nas mobilizacións populares que terán como colofón a xornada de mobilización do vindeiro 15 de outubro en moitas vilas e cidades do estado español.

O PCG igualmente chamou á súa militancia a participar de xeito activo no proceso electoral próximo reforzando as candidaturas de ESQUERDA UNIDA e sendo un activo ponte entre o movemento obreiro de Galicia e as propostas políticas de EU. O PCG aprobou igualmente unha campaña de extensión organizativa e de regulación de censos.

Para o Comité Central do PCG, o éxito das mobilizacións contra os recortes na educación pública ten a súa máxima expresión na manifestación celebrada en Compostela a semán pasada e recentemente en Madrid á que asistiron máis de 40.000 persoas, pondo final a unha xornada de folga que foi seguida de maneira masiva. Mobilizacións que continúan hoxe en Galicia e que confirman ao conflito educativo como a primeira resposta de masas contra os recortes sociais.

Para este período a liña política do Partido vén marcada polo obxectivo de lograr a unidade da esquerda ao redor dunha Alternativa democrática, social e anticapitalista á crise (ASA). Para conseguir este obxectivo o PCG centrará o seu traballo en lograr a unidade de acción entre o sindicalismo de clase e os sectores sociais protagonistas do 15-M en contra dos programas de axuste, e imprimir a esta loita un sentido estratéxico anticapitalista.

Neste sentido todo o traballo sindical e social do PCG debe dirixirse a unha política de alianzas e de acumulación de forzas que faga do 15-Ou a maior mostra de contestación social que tivese nas rúas a oligarquía e a súa política de recortes sociais.

Para iso é fundamental facer desa data, non unha manifestación máis, senón unha verdadeira Xornada de protesta cívica de gran alcance que supoña un punto de inflexión na loita contra os programas de axuste, e que impulse a conformación dun bloque social alternativo de masas e de carácter antineoliberal