Suma e segue: a XC ante o novo contrato en prácticas para a xuventude

Imprimir
PDF

Como vén sendo habitual nos últimos tempos, o Goberno do PSOE preferiu morrer matando antes que resistir ante os intereses da oligarquía empresarial, aprobando, como última medida do seu mandato, un Real Decreto que profundiza no desmantelamento dos dereitos laborais da xuventude. Isto pon en evidencia unha vez máis que, mentres o poder real o controlen os banqueiros, empresarios e especuladores, os dereitos conquistados pola clase traballadora nunca deixarán de estar en perigo.

Esta vez, mediante a publicación do RD 1523/2011 o pasado 19 de Novembro fanse efectivas un conxunto de medidas que , pretendendo incrementar as oportunidades de emprego para os traballadores e traballadoras desempreados de entre 18 e 25 anos, rescata a figura do aprendiz, aquí denominado “novo en prácticas”. O obxectivo desta medida é incluír entre os que poden acceder a un contrato deste tipo a aqueles que non tiñan cabida dentro do RDL 10/2011, isto é, a aqueles mozos e mozas con titulacións universitarias ou de Formación Profesional. Con esta medida redúcense as cifras do paro a costa de precarizar o mercado laboral e achegarnos cada vez máis ás condicións existentes no século XIX.

Segundo esta nova normativa, non existe relación laboral co empresario ou empresaria, senón que se utilizan eufemismos para definir o acordo entre as dúas partes, para así evitar o considerar ao ou a moza en prácticas como un asalariado máis. Prívaselle dos beneficios que teñen os que se rexen por outro tipo de contrato, mentres que se lle impoñen todos os inconvintes. Separadamente de poder gozar das baixas, carece de calquera outro tipo de vantaxe, xa que non ten dereito a vacacións, nin a paro, nin a que conste como experiencia laboral, nin a indemnización por despedimento. Ademais o seu salario mínimo é irrisorio, xa que poderá ser de 426€ (80% do IPREM) e o tempo máximo de vixencia do “contrato” será de nove meses, logo dos cales o empresario pode “finalizar a súa relación non laboral co mozo”, para así poder acudir de novo aos servizos de emprego a solicitar máis empregados e empregadas precarios.

Desde a Xuventude Comunista voltamos a mostrar a nosa máis enérxica oposición á imposición de todo este tipo de medidas, leis e normativas que intentan humillar aos e as mozas da clase obreira obrigándonos a vender a nosa forza de traballo por un ridículo prezo. Con todo, a mocidade combativa non está disposta a axeonllarse , e continuará resistindo ante os envites da patronal e os distintos gobernos antiobreros, saíndo á rúa e continuando a loita por unha sociedade mellor.