29 Decembro 2011
A Xuventude Comunista na Galiza ven de constatar, a través da Asociación Sen Papeis da Coruña (organización partícipe dentro do Foro Galego de Inmigración) a actitude desproporcionada e violenta da Policía Local da cidade para co colectivo de manteiros da mesma. Son moitos os puntos álxidos desta crúa represión, servindo como exemplo o acontecido no pasado verán, no que incluso un axente vestido de paisano chegou a encanonar cunha arma a un veciño senegales da cidade.
Este recrudecemento da actividade da policía confronta coa lóxica de relaxación represiva na última reforma do Código Penal, pasando a infracción do “top manta” de delito a falta. Así, o descenso da gravidade penal desta actividade non leva aparexado un descenso da desproporcionada actuación policial, senón que a Policía Local, quizais devido á chegada do PP ao goberno local, redobla os esforzos por erradicar unha actividade de subsistencia como é a do “top manta”.
É ben certo, como constata a propia Asociación Sen Papeis da Coruña, que a represión ao colectivo non é practicada pola totalidade do corpo de Policía, senón por individuos aislados e na maioría dos casos de paisano.
Parte da culpa desta liña de actuación da Policía Local pode fixarse na oportunista confrontación fomentada pola Asociación de comerciantes da Zona Obelisco, que lonxe de aportar ideas para a consecución de unha situación de convivencia social, non fai máis que tensar a corda.
A Asociación Sen Papeis da Coruña esixe o cese do abuso e do racismo da Policía da Coruña, a investigación dos feitos coa conseguinte depuración de responsabilidad e a procura dunha solución consensuada polas partes interesadas, e a Xuventude Comunista non pode facer máis que sumarse ás esixencias desta organización. Por iso, apoiamos a mobilización convocada para o Xoves día 29, desde María Pita até o Obelisco.
NINGÚN SER HUMANO É ILEGAL








