Orgullo e Rebeldía - Campaña polo Día Internacional do Orgullo LGTBI 2014

Imprimir
PDF

Un ano máis achámonos perante un 28 de xuño onde nos queda moito que combater en materia de dereitos. A situación das persoas LGTBI e os dereitos acadados décadas atrás vense ameazados ante as políticas neoliberais dos últimos anos.

O goberno separou os tratamentos de reprodución asistida do sistema público, impedindo o acceso a este das mulleres con menos recursos económicos, converténdose a maternidade nun ben de luxo (os tratamentos privados poden chegar a custar entre 2000 e 8000€), e que tampouco permite o acceso a solteiras, lesbianas ou bisexuais.

Asistimos a unha conxuntura na que se nos obriga a unhas mulleres a parir, namentres que a outras se lles arrebata o desexo de ser nais. Tan malo é unha cousa coma a outra. O sistema procura o maneira de controlar o corpo das mulleres e deixa ben claro que non vale calquera maneira de se reproducir.

Construír unha familia, ó marxe dun varón heterosexual, supón unha alteración da orde e unha das principais ameazas ó patriarcado: mulleres que teñen fillos/as sen homes, adeus ó papel do macho dominante.

En canto a dereitos laborais se refire, o acoso é outro dos problemas ós que ten que facer fronte o movemento LGTBI. A reforma laboral non tivo en conta a discriminación nos lugares de traballo, nin que un 68% de persoas sinta que pode ser máis visíbel entre as súas amizades que no seu entorno laboral, ou que un 60% declare ter vivido algún tipo de discriminación no traballo nos últimos anos.

O mesmo acontece co acoso escolar. A discriminación por orientación sexual segue instalada na maioría das aulas, e a LOMCE non quixo reparar niso. A Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa pretendeu seguir establecendo un modelo normativo de sexualidade, dividindo as aulas en nenos e nenas sen ter en conta a diversidade cultural e sexual. Iso só pode levar ás persoas máis novas a situacións de illamento, estigmatización e exclusión social. Por elo, dende a XC traballamos por un ensino inclusivo que aborde tódolos casos de violencia no sistema educativo que sofren os e as adolescentes LGTBI.

Todas estas situacións fan preciso seguir defendendo outros dereitos como a despatoloxización das identidades trans e da intersexualidade. A transexualidade non é unha enfermidade. A enfermidade é a transfobia e o odio ó diferente. Dende a Xuventude Comunista esiximos que se leve a cabo a desclasificaciónda transexualidade dos manuais psiquiátricos, xunto coa retirada da consideración de “disforia de xénero” da Lei de Identidade de Xénero actual. Reivindicamos tamén a eliminación da obrigatoriedade dos tratamentos médicos e psicolóxicos sen prexuízo da cobertura pública e gratuíta a través do Sistema Nacional de Saúde, sen restricións para as persoas emigrantes, xa que a sanidade pública é a única que pode garanti-la igualdade e calidade deste dereito.

Dende a XC facemos un chamamento á rebeldía. Non podemos consentir que siga avanzando o discurso andróxino, patriarcal e homófobo establecidos. Reivindicamos un orgullo de clase, anticapitalista e que se opoña á mercantilización dos corpos e das sexualidades. Con isto non nos opomos ás posíbeis celebracións festivas, mais falamos de estar máis indignadas que nunca á hora de saír ás rúas e de rachar co establecido. Queremos un orgullo non instrumentalizado polos intereses empresariais, xa que os dereitos LGTBI non son un negocio lucrativo. 

Este 28 de xuño imos saca-los dentes contra un sistema que quere oprimirnos, explotarnos e roubarnos.

Este 28 de xuño témolo claro: orgullo e rebeldía.