Peche na USC

Imprimir
PDF

Ás 12:00 do medidodía de onte, xoves 20 de xaneiro, celébrase unha Asemblea Xeral do Estudantado da USC na facultade de Mediciña, marcada novamente pola ausencia das agrupacións que se reuniran previamente co reitor a expensas da asemblea e en contra da mesma.

Na asemblea acórdase un peche indefinido do estudantado na Biblioteca Xeral do Pazo de Fonseca, en protesta polo actual plan de extinción de licenciaturas. Unha vez procedido ao mesmo, realízanse as tarefas de información ao estudantado así como se traslada ao reitorado a táboa de reivindicacións correspondente. En torno ás 19:00 horas, o vicerreitor de estudantes fai acto de presencia no lugar do peche xa que, segundo a súa versión, acababa de enterarse e quería coñecer os motivos da mobilización, deixando en evidencia a incompetencia da Universidade que dende facía máis de cinco horas dispuña por diferentes medios de copias da táboa reivindicativa dos alumnos.

Tras unha breve conversa, desenténdese das reivindicacións por consideralas alleas á súa competencia pese a que se compromete a facer unha resposta por escrito da táboa, tal como lle era reclamado por parte da Asemblea, que non acepta comunicados que non sexan oficiais e non se pronunciará acerca das débiles alegacións do vicerreitor sen un texto por escrito que poida ser debatido e reflexionado por parte dos alumnos.