(A Coruña) Contra a represión policial ao colectivo inmigrante

Imprimir
PDF

A Xuventude Comunista quere denunciar que o pasado mércores 23 de marzo produciuse unha nova actuación ilegal e desproporcionada por parte das forzas policiais sobre unha persoa migrante que exercía a súa actividade económica na Rúa Real. O incidente saldouse coa apertura dun expediente de expulsión debido á situación de irregularidade na que esta persoa se encontra.

A Xuventude Comunista denuncia que este non é o único acto de represión desproporcionada sobre as persoas migrantes na cidade, posto que dende primeiros do mes de xaneiro estanse a producir detencións arbitrarias e controis discriminatorios sobre cidadáns sen papeis. Este feito prodúcese precisamente no mesmo mes no que a ONU ten denunciado ao Estado español polo seu trato discriminatorio ás persoas migrantes e pola nula transparencia de España neste eido, feito negado polo Ministro de Interior Alfredo Pérez Rubalcaba.

Os Centros de Internamento de Estranxeiros, nos cales se encerra a persoas que non cometeron ningún delito, sen recoñecer os seus dereitos fundamentais, seguen a ser unha triste realidade neste Estado, que, non esquezamos, até fai ben pouco, sufriu a problemática humana da emigración. A Xuventude Comunista exixe que cesen este tipo de actuacións ilegais, xa que, por unha banda, a lexislación reguladora do top-manta prohibiu as detencións por este motivo, e, pola outra, o emprego de policía de paisano só é posíbel para reprimir a delincuencia organizada, non sendo o da venta ambulante un caso desta clase de delincuencia.

A Xuventude Comunista amosa o seu apoio á Asociación de Sen Papeis da Coruña, xa que consideramos xusta a súa loita por un mundo sen fronteiras no que as persoas podan exercer a súa actividade económica sen seren perseguidas, encerradas e expulsadas polo simple feito de buscar unha vida mellor.