Defendemos o naval, defendemos o noso futuro

Imprimir
PDF

A patronal ordea, o goberno impón, Ferrolterra responde!

Unha vez máis os e as traballadoras de todo o Naval ferrolán vémonos na obriga de saír ás rúas. Volvemos saír para defender os nosos postos de traballo, o futuro da mocidade, a supervivencia dos pequenos comerciantes da nosa cidade e das nosas vilas. Unha vez máis todos os traballadores e traballadoras da comarca de Ferrolterra vémonos forzadas a saír ás rúas a defender o futuro da nosa comarca, a esixir á patronal, aos gobernos autonómico e central e ao consistorio, que nos dean o que é noso; o que nos roubaron. Que se non son capaces de xestionar o motor económico da nosa comarca, que nos deixen decidir sobre o seu futuro.

Porque o futuro de Navantia é o noso futuro.

Europa, a patronal, o alcalde e os sucesivos gobernos lévannos prometendo moitísimos anos máis carga de traballo, máis postos, melloras da liña de producción…. E, cada ano que pasa, o único que nos dan son peores condicións laborais, contratos máis curtos, a destrución de postos de traballo a través de prexubilacións, coa falsa promesa de que os nosos mozos e mozas ían sustituír aos compañeiros prexubilados. Pero sabemos que os postos dos prexubilados nunca foron cubertos, forzando á xente máis nova a marchar en busca dun futuro mellor e dun traballo fóra da nosa comarca.

Toda a mocidade ferrolá sabemos como nas décadas pasadas chegaban xente moza coma nós, en busca dun futuro mellor, e todos lles temos escoitado aos nosos pais e avós como a cidade era un bulicio de actividade: viñan buscando un futuro que os que nos gobernan e nos gobernaron non quixeron que tivesen, nin que agora teñamos as persoas que vimos detrás.

A comarca enteira é consciente de que o único camiño que nos queda para que non nos quiten o que é noso é a Loita. A loita dunha comarca unida, dunha comarca que como no pasado mes de xuño, durante a folga en Ferrolterra, berrou aos catro ventos que O NAVAL É NOSO, SÍ AO NAVAL EN FERROL. Agora nós berrarémolo ao únisono todas cantas veces fagan falla ata que nos fagan caso. Loitaremos para que de Ferrol e a súa comarca non teñamos que marchar xa máis. Forzándonos a unha diáspora a cal nos empurran os mesmos que empurraron aos nosos pais e avós a chegar a Ferrol e polo que loitaron, dando os mellores anos das súas vidas a darnos un futuro mellor; un futuro mellor que nin a patronal nin a elite da nosa comarca quixeron que tivesen nin tivesemos.

Dende a Xuventude Comunista facemos nosa a loita do Naval, porque somos ferroláns e ferrolás, mozos e mozas oprimidas e obreiras. Obreiros orgullosos do noso pasado, do presente e do futuro que nos agarda coa loita unida da nosa comarca.

 

POR ISO, COMPAÑEIRO OU COMPAÑEIRA, ESTE 1 DE DECEMBRO SAE Á RÚA E BERRA CON NÓS: NON Á DESTRUCIÓN DOS POSTOS DE TRABALLO E DO NAVAL!