Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro aproban en xunta de personal ir á folga

Imprimir
PDF

Os traballadores e traballadoras do Hospital Álvaro Cunqueiro convocan unha folga de 24 horas, previsiblemente, o vindeiro 13 de outubro, coa que continuar a esixir unha sanidade 100% pública.

Tras anos de loita e de visibilizar a tropelía tanto do Partido Popular coma do Partido Socialista co novo Hospital de Vigo, este mes de setembro arrancou coa manifestación máis multitudinaria das últimas décadas na cidade olívica. Máis de 200.000 persoas saían ás rúas de Vigo reclamando non só un aparcadoiro público para o Hospital Álvaro Cunqueiro, senón que se converteu nunha mobilización en defensa dos servizos públicos e nomeadamente por unha sanidade 100% pública.

Foron moitos os elementos que fixeron que o pobo vigués saíse á rúa o 3 de setembro, as lamentábeis deficiencias do edificio, os escasos servizos que se ofrecen, o estado dos quirófanos ou o famoso custo do aparcadoiro que ronda o euro con oitenta céntimos a hora. Un hospital privatizado entregado e regalado a empresas privadas para a súa xestión, unha privatización auspiciada polo goberno de Feijoo e en conivencia co Alcalde da cidade, Abel Caballero.

Non podemos esquecer que todo isto vén englobado no proceso de desmantelamento da sanidade pública que estamos a vivir nos últimos anos. Un proceso que busca facer da nosa saúde, da saúde dos e das traballadoras, un negocio grazas aos partidos políticos que, nas diferentes institucións, defenden os intereses das grandes empresas e as fan beneficiarias.

Buscan aumentar o seu beneficio a costa da explotación e das precarias condicións do pobo traballador, isto vémolo reflectido no cada vez máis depauperado sistema sanitario e todo o que o rodea. Exemplo claro da privatización é a concesión a unha empresa privada para a explotación do aparcadoiro con fines puramente económicos e en ningún caso en función dos intereses do pobo.

Todo este proceso que culminou coa apertura do HAC estivo marcado por irregularidades e actuacións máis que sospeitosas que veñen encadradas dentro da lóxica do capitalismo de manter as taxas de ganancia, non importa que se trate da nosa vida. E é por todo isto que os traballadores e traballadoras do Hospital Álvaro Cunqueiro convocan unha folga de 24 horas, previsiblemente, o vindeiro 13 de outubro, coa que continuar a esixir unha sanidade 100% pública.

A Xuventude Comunista apoia e anima ao conxunto das traballadoras e traballadores a continuar a loita polos nosos servizos públicos. Porque os dereitos conquístanse.